A Deputación renova a colaboración coa Feira L de Lugo, organizada pola Asociación de Distribuidores

Fuente: deputacionlugo.gal

A institución provincial participa nesta cita que se celebra do 25 ao 26 de setembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo facendo unha achega de 15.000€

Pilar García Porto: “para nós é moi importante colaborar con tecido asociativo e produtivo da provincia, para sacar adiante iniciativas que dinamicen social e economicamente o territorio, incidindo en sectores estratéxicos e fundamentais”

Ana González Abelleira: “esta feira constitúe un importante escaparate da nosa riqueza gastronómica e vitivinícola, pero tamén do enorme potencial turístico co que contan as comarcas lucenses, pola calidade dos seus produtos, denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas”


A Deputación de Lugo renova a súa colaboración coa Feira L de Lugo, organizada por segundo ano consecutivo pola Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (AdisLugo) para o 25 e o 26 de setembro no Pazo de Feiras e Congresos da cidade lucense. Na presentación, que tivo lugar esta mañá no Pazo de San Marcos, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou que a institución provincial mantén este ano unha achega de 15.000€ que axudará na celebración desta cita.

García Porto estivo acompañada no acto pola Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e o presidente de AdisLugo, Eloy García. Sinalou a Deputada que para a institución provincial “é moi importante colaborar con tecido asociativo e produtivo da provincia, para sacar adiante iniciativas que dinamicen social e economicamente o territorio, incidindo en sectores estratéxicos e fundamentais, como é o de servizos e, en concreto, a hostalería e a distribución”.

“Se o ano pasado era importante apoiar aos sectores máis afectados pola Covid, dende logo, este ano segue sendo moi importante manter ese compromiso, aínda que as dificultades sexan por un motivo diferente”, engadiu Pilar García Porto, quen sinalou que a cita L de Lugo naceu “coa vontade de ser un escaparate da nosa riqueza gastronómica e hostaleira, e que busca tamén poñer en valor o potencial turístico da nosa provincia. Uns obxectivos cos que tamén nos identificamos dende a Deputación de Lugo”.

Pola súa parte, a Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo subliñou que «esta feira constitúe un importante escaparate da nosa riqueza gastronómica e vitivinícola, pero tamén do enorme potencial turístico co que contan as comarcas lucenses, pola calidade dos seus produtos, denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas».

Neste senso, apuntou, «dende o Concello apoiamos a celebración desta segunda edición da cita cunha axuda económica que permite o desenvolvemento dalgunha das actividades do programa, así como coa súa difusión, para que cada vez sexan máis as persoas que se animen a participar nunha cita que aspira a ser o evento gastronómico máis importante do noroeste peninsular e que, sen dúbida, xa é un referente a nivel galego».

O programa


A segunda edición da Feira L de Lugo contará con máis de 150 bodegas galegas e nacionais que en conxunto exporán máis dun millar de viños. Haberá tamén experiencias gastronómicas con produtos autóctonos, as últimas tendencias de coctelería, cociña ou mesmo panadería, da man dos mestres galegos. A cita celebrarase en horario de 12.00 a 21.00 horas e contará con música en directo cos grupos Os Piñeiros e Los Alcántara, así como espazo para os máis pequenos.